viernes, 31 de julio de 2015

Palas de Rei

A historia de Palas de Rei preséntase intimamente unida á cultura castrexa, conservando inda hoxe numerosos restos arqueolóxicos (mámoas, dolméns e castros) testemuña dun remoto asentamento.
Segundo a tradición o concello debe o seu nome “pallatium regis” ao palacio do rei visigodo Witiza, que reinaría entre os anos 702 e 710. En Palas Witiza tería dado morte ao Duque de Galicia, Fafila, pai de Don Pelaio.
O Románico entrou polo camiño de Santiago, deixando a súa pegada na arquitectura relixiosa, destacando a igrexa de Vilar de Donas, un dos referentes principias do románico galego, declarada en 1931 monumento histórico-artístico. As súas pinturas murais forman un dos conxuntos máis destacado s e mellor conservados de Galicia.

Por aquí pasaba a vía “Lucus Augusti”, e xa no século VI constátase a súa pertenza ao condado de “Ulliensis”, sendo a Idade Media un período de prosperidade para a vila, en boa parte grazas ao Camiño de Santiago. O “ Códice Calixtino” citaba Palas como parada obrigada dos peregrinos para afrontar os últimos tramos da ruta xacobea.
O Concello de Palas de Rei conta cun amplo patrimonio artístico que reflicte o pasado señorial destas terras, pois conserva restos de fortalezas, torres, castelos, así como varios pazos e casas blasonadas. Entre as construccións máis relevantes poden citarse: a antiga casa-torre de Filgueira; a casa-torre de Fontecuberta; o Pazo de Laia que conserva o escudo de armas dos condes de Traba, de cuxo liñaxe saldría o fundador de Pambre; a casa de Ulloa, onde os Saavedra, Montenegros, Gayosos, os Deza, identificanse coas suas armas e escudos familiares; o Pazo Mariñao; o Pazo de Pacheco, e finalmente O Castelo de Pambre, fortaleza erguida por Don Gonzalo Ozores de Ulloa cara o ano 1375 , que resistiu á revolta irmandiña no 1467, converténdose nun dos mellores exemplos da arquitectura militar de Galicia.
Palas, protagonista tamén na segunda guerra carlista, foi un dos escasos municipios nos que triunfou a sublevación en 1846, constituíndose unha Xunta Revolucionaria.

As terras de Palas de Rei serviron de fonte de inspiración a escritores como López Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Emilia Pardo Bazán, que ambientou a súa obra máis relevante no Pazo de Ulloa, onde disque residiu a raíña Dona Urraca.
castelo de Pambre:

É o mellor exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia. Construído por Gonzalo Ozores de Ulloa cara o ano 1375, sobre un escarpado penedo, as beiras do río Pambre que exerce de defensa natural. O castelo é de planta cadrada, cercado por unha muralla de planta irregular que se adapta ao terreo. Os muros son de cachotaría e sillaría de granito. O edificio central fórmano a torre, de planta cadrada, flanqueada por outras catro de menor tamaño, tamén cadradas, e comunicadas entre sí por unha muralla.
No centro, sitúase a torre mestra que ten planta cadrada, de 11 m de lado, e tres plantas. A primeira é cega; a segunda elévase uns cinco metros do chan e existen vestixios que permiten imaxinar unha ponte interior que comunicaría esta planta coa muralla, a través dunha porta con arco apuntado e escudo de armas dos Ulloa; na terceira planta hai unha ventá grande de arcos oxivais. Todas as torres están almenadas en beiril con ameas en punta ou triángulo.
Accédese ó patio interior por un portalón adintelado practicado na muralla. No interior consérvase un cabazo de catro aires colocado en parte sobre a cortina exterior. A cortina exterior, adaptada á configuración do terreo, ten unha espesura de 2 a 2,5 m. chegando na zona da porta aos cinco metros. Esta porta de acceso ten arco de volta perfecta co escudo de armas da familia Ulloa na clave. Á dereita da entrada atópase a capela de San Pedro construída a finais do século XII.

O Castelo de Pambre foi un mito dentro da loita irmandiña contra a nobreza da época, que logo engrosou López Ferreiro coa súa novela “O castelo de Pambre”. Localizado en Pambre (Palas de Rei, Lugo) foi a única fortaleza que resistiu á revolta irmandiña de 1467.
Actualmente está en plenas obras de rehabilitación do inmoble, donde se descubriron númerosos restos arqueoloxícos da época, motivo que ralentizou a execución das obras de rehabilitación, por elo, están suspendidas temporalmente as visitas ao seu interior. Nembargantes, toda persoa que o desexe pode contemplalo, mentres duren ditas Obras, pode facelo dende o seus exteriores, máis concretamente, dende os tres miradore,s con paneis informativos que hai habilitados a tal efecto nas súas inmediacións.

Serra do Careón é un espazo natural protexido, como Lugar de Importancia Comunitaria que abrangue 6.662 ha. Exténdese por tres provincias galegas, polos concellos de Agolada (en Pontevedra), Friol e Palas de Rei (en Lugo), Santiso, Melide e Toques (na Coruña). Cunha altitude media de 550 metros e máxima de 800 forma parte da Dorsal Galega.
Aquí podemos atopar infinidade de plantas medicinais (mirtos, ruda, rusco, dente de agrón, …), pero tamén especies endémicas de especial protección, na Serra de O Careón, declarada zona de interese natural (“Rede Natura 2000”), e outras tan comúns como o toxo, a xesta, piorno, uz; e árbores como o castiñeiro, a sobreira, o pino, o bidueiro, freixo, sanguiño, espiño, carballo, cerdeira, maceira, pereira, etc.
Tamén a fauna é aquí especialmente rica en variedade: zorro, lobo, xabarín, corzo, lebre, coello, perdiz, lontra, xineta, donicela, moucho, falcón, azor, gavial, garza, parrulos silvestres, faisáns etc.

A Rede Natura 2000 é un conxunto de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea creada en 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres , con obxecto de protexer os espazos naturais mais importantes da Europa. Componse de Zonas Especiais de Conservación (ZEC) declaradas polos Estados membros, e ademais, das Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA), relativa á conservación das aves silvestres.
Na cerna de Galicia, onde conflúen os Camiños de Santiago, sitúase a serra do Careón, de moderada altitude, cumes redondeados e características especiais no subsolo. O mesmo ca nos veciños montes do Bocelo, son abundantes as fontes e regatos de montaña ás veces acompañados de monumentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario