lunes, 26 de noviembre de 2018

Laias

Nesta parroquia sitúase unha explotación mineira aurífera de tempos dos romanos, ou incluso máis antiga, seriamente danada pola construción da autoestrada. Vinculado ao castro de San Cibrán de Lás (Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, entre outras, dependendo das diversas interpretacións que se fixeron da epígrafe da ara adicada a Bandua na vila romana de Eiras) trátase dunha explotación das coñecidas como arrugia ou ruina montium. Atopáronse unha serie de tanques escalonados de maior a menor e flanqueados por escaleiras e longas canles. Amais pódense observar un gran números de buratos circulares tallados na rocha granítica que foron os depósitos utilizados para obter o ouro polo sistema de decantación.


É identificado co lugar de Lais referido por Hidacio no seu Cronicón co que o remata relatando un suceso misterioso, relacionado co apocalíptico pesimismo hidaciano:

"No río Miño a cinco millas de Lais, pescáronse catro peixes nunca vistos dunha nova especie, segundo o relato dos pescadores respectables cristiáns, marcados con letras hebreas e gregas co número latino 365 formando un círculo. Uns meses despois alí preto caeron do ceo grans verdes como a herba con forma de lentella e amarguísimos e outras cousas asombrosas longas de contar".Existen unhas augas termais coñecidas posiblemente xa en época romana. As augas continuáronse usando até a Idade Media, se ben se descoñece en que tipo de instalacións. Parece que o rei de León Vermudo II usounas con frecuencia para curarse da gota. En maio de 1718, o arcebispo de Ourense visitou o lugar e escribiu sobre os efectos beneficiosos dos mananciais da zona. En 1865 un home morreu nunha pía do baño común, o que indica que había varias pías para baños e que as utilizaban tamén forasteiros.

A mediados do século XX construíuse un balneario, que foi asolagado coa construción do encoro de Castrelo de Miño.

Na actualidade construíuse un moderno balneario coñecido como Vila Termal de Laias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario