domingo, 13 de noviembre de 2016

Dioivo Entrevista

É un pracer falar con Dioivo, unha banda viguesa que practica un Black metal atmosférico, melódico de muita calidade. O seu primer traballo é un EP de título homónimo e ese é o motivo desta entrevista.
-          Boas, ¿Como se formou a banda?
Dani: Jacobo e máis eu comezamos a tocar temas que el xa tiña compostos nos espazos libres dos ensaios da nosa anterior banda, Rust In Peace. Non empezou coma algo serio, pero xurdiu a oportunidade de presentarnos ao concurso “Musicando a Rosalía”, no que musicamos o poema “Sempre pola morte esperas” e comezamos a ensaiar máis para preparalo. Pouquiño a pouco a idea foi tomando forza e volveuse máis seria até que decidimos adicarnos en exclusiva a Dioivo, preparando temas propios para tocar en directo e grabando a nosa primeira demo.
·         Jacobo: Daquela probábamos diferentes estilos, tocábamos as veces temas de doom metal, as veces temas de death metal... E en Rust in Peace tocábamos thrash, xa con baixo e outro vocalista. Pero para o concurso eramos só os dous e tiñamos que grabar e tocar en directo, e xurdiu facer un tema black metal porque era un estilo que parecíame que podía adaptarse ben ó formato do dúo, e eu sabía facer voz de black metal. Ó final no concurso non tivemos sorte, pero a idea de tocar xuntos black metal en galego quedou e seguiu adiante.
¿Como foi o proceso creativo do traballo?
Jacobo: Eu xa tiña compostos moitos dos riffs do EP. Boa parte os compuxen en 2014 e 2015, cando empecei a escoitar en serio black metal, xa que aínda que escoito metal extremo dende fai moitos anos, era un xénero que ata entón tiña descoñecido, en parte debido ós prexuízos que o rodean. Despois do concurso Musicando a Rosalía, e xa co son da banda en mente, asemblei eses riffs con outros novos para compoñer Ao Lonxe, Terra Esquecida e Nunca Máis, mentres que Séculos Escuros e Cegos foron maioritariamente escritas nesa nova etapa. Logo ensineille eses temas e algúns outros a Dani, os arranxamos para a banda entre os dous, e foron os que finalmente eliximos para a maqueta. Levamos moito tempo tocando xuntos, entendémonos ben, e gracias a iso o proceso foi relativamente rápido. Por outro lado, decidín facer eu mesmo o deseño da portada do traballo, aproveitando os meus escasos coñecementos de fotografía e edición, a maioría aprendidos na asignatura de fotoxornalismo da carreira. Ca axuda dunha amiga que me acompañou e aconsellou na sesión e fixo de modelo nas fotos, ó final tiven un resultado bastante similar ó que tiña en mente e co que estou bastante satisfeito, pois penso que capta ben a beleza do paisaxe natural da costa galega.
Cantades en galego, ¿cal é o motivo desta decisión?
Jacobo: Por un lado, por suposto, a especial sonoridade do galego, que é un idioma verdaderamente fermoso, versátil e moi recoñecible. Ademais é moi habitual que as bandas de black metal incorporen elementos da tradición musical e cultural dos seus países de orixe, e a cultura galega encaixábame perfectamente nese esquema. Por outro, as nosas conviccións persoais, da necesidade de defender unha lingua minorizada e desprezada como é o galego, dado que é a nosa lingua propia. De feito, nós crecimos coma castelanfalantes e a min adaptarme de todo ó galego cústame un pouquiño, pero penso que paga moito a pena. Por suposto, non somos a primeira banda de black metal que canta en galego; ademáis dos grandes Xerión, que levan xa 15 anos en activo, hai outras bandas moi interesantes e de diferentes tendencias, coma Mileth, Noitébrega, Sartegos, Lóstregos, Heilnoz, Coso Carnóbrigo...
-          ¿De que tratan as vosas letras?
Jacobo: Facer letras non é o que se di a miña especialidade, por iso o teño coma algo meramente complementario á música e non me gusta especialmente publicar as miñas letras. Sen embargo si que adoito a explorar certos temas comúns para facelas, pois facer letras é ineludible e teñen esa sonoridade especial do galego, ainda que non se entendan demasiado ó ser voz gutural. A maioría dos temas da maqueta concretamente xiran en torno á reivindicación de Galicia, a súa historia e a súa condición de nación sen estado, sobre todo dunha forma metafórica e persoal. Séculos Escuros trata precisamente da represión histórica contra o pobo galego; Ao Lonxe, sobre o exilio, tanto exterior coma interior; Cegos, sobre a manipulación mediática, que dende que estudo xornalismo coñezo ainda mellor; e Terra Esquecida e Nunca Mais, sobre a necesidade de loitar para defender a nosa terra e á nai natureza. Noutros temas trato emprego temas na liña da crítica ó capitalismo, sobre a natureza, ou tamén temas persoais, pero como xa digo, non lle dou moita importancia ás letras, e de feito non me enorgullecem moito, en moitos casos son xenéricas ou pásanse de pretenciosas. Prefiro adicarme á composición musical.
-          O voso estilo é moi aberto. Black metal clásico, Black atmosférico, estruturas de Post Metal, pasaxes de guitarra acústica moi melódica... A sensación que teño é que a música de Dioivo está viva e pode evolucionar hacia outros territorios musicais, que non hai etiquetas, ¿Que opinades?
Jacobo: En efecto, ó compoñer as cancións procuro e tendo a incorporar influencias bastante variadas. A parte dos distintos xéneros de black metal e metal extremo dos grupos que temos listado no canal de Youtube, tamén inspírome bastante por exemplo en grupos de thrash metal progresivo, especialmente para as estruturas; escoito moito a Toxik, Heathen, Realm, Defiance, Watchtower, Atheist, Mekong Delta, Coroner, Voivod, Antithesis, Forbidden... Tamén inspirome moito no doom metal para as partes lentas, sobre todo no son máis épico de Veni Domine, Solstice, Solitude Aeturnus, Pagan Altar, Cirith Ungol, Candlemass, Revelation  ou Memento Mori. Eu non relacionaría moito o noso son co do black atmosférico ou post-black, pois os riffs de Dioivo tenden a empregar melodías máis dinamicas e as estructuras adoitan ter moitos cambios e contrastes rítmicos, fronte ó son máis reflexivo e ambiental deses xéneros. De feito, non adoito escoitar apenas nada de post metal. A música de Dioivo caracterízase ademáis por mesturar as técnicas tradicionais do black metal coas propias da necesidade de tocar todas as melodías e armonías nunha soa guitarra. A partir de ahí intento incorporar sempre diferentes melodías, diferentes ritmos... Fai pouco, por exemplo, rematamos de ensaiar unha canción que colle  moito do son do stoner doom metal, adaptado por suposto ó noso black metal. Tento sempre buscar novas ideas, ter un grupo e non buscar innovar polo menos pareceme totalmente inútil.
-          Meu tema favorito é Ao Lonxe, ¿que tema destacarais do voso traballo?
Jacobo: Eu posiblemente destacaría Nunca Máis por que ten posiblemente a estrutura máis elaborada do disco e por empregar o modo lidio, non especialmente habitual no black metal.
Dani: Gústame resaltar o EP enteiro, xa que hai moi bo traballo compositivo detrás para que soe como unha unidade. Pero se tivera que escoller algún probablemente ese sería Nunca Máis, xa que é a canción máis diferente e foi sen dúbida o traballo máis duro do disco.
-          Sodes só dous músicos, cando escoitei o EP tiña a necesidade de escoitarvos en directo. Para todo aquel que non os coñece, ¿Como son os directos de Dioivo?
Dani: Calquera que asista a un concerto de Dioivo o primeiro que lle chamará a atención é precisamente iso, a nosa formación de dúo, non demasiado habitual na escena galega, e a ausencia de baixo. Os temas están compostos para evitar que ésta sexa notoria e para que non se bote de menos, e até o momento non tivemos ningún tipo de problema en directo nese sentido, acadando a fórmula para dar cun son adecuado. Considero que quen escoite as nosas cancións nas plataformas nas que están dispoñibles non verán demasiada diferenza no directo. Cada concerto é un mundo e moitas veces suceden imprevistos de todas as naturezas, máis non creo que ninguén saia dun concerto noso coa sensación de presenciar un espectáculo cun valor por debaixo do esperado. O mínimo que lle debemos a xente que asiste ós concertos é a mellor das actitudes no escenario e dar un concerto dinámico para tratar de facer disfrutar ao público e para que poidan apreciar a música.
Jacobo: En efecto, tento compoñer os riffs de maneira que poda tocar á vez varias melodías ou alternar notas mais agudas con notas graves para suplir a ausencia do baixo, tanto en directo coma en estudio. Por suposto que esta ausencia nótase, pero persoalmente pensó que isto é parte do son da banda e en certo modo, ó obrigarme a compoñer dunha determinada forma pouco habitual, da un toque diferente, para ben ou para mal, ó noso estilo. De feito, penso que engadir un baixo sen máis ás cancións de Dioivo tal coma están agora estaría de mais, ensuciaria demasiado o son. Si que é certo que no EP hai máis dunha pista de guitarra, pero as grabei principalmente para resaltar certas melodias e se entendese mellor; non hai nada nas pistas secundarias do EP que non toque en directo. O problema de ser dous, ademais tocando cousas relativamente complexas, e no meu caso cantando á vez, é que da menos pé a moverte mais libremente no escenario, pero disfrutamos moitismo tocando en directo e penso que a pesar de todo iso, o sabemos transmitir.
-          ¿Cales son as vosas referencias musicais?
-          Jacobo: Pois a parte das bandas que xa mencionei antes e as que listamos no canal de youtube, eu tamén escoito moitísimo rock progresivo, rock psicodélico, hard rock, metal progresivo, power metal, death metal, e tamén jazz fusion ou funk, e colecciono cds de todos eses estilos e algún máis.
Dani: Eu procuro escoitar variedade de xéneros: dende hard rock ao black metal, pasando por glam metal, power metal, funk… Aínda que para os xéneros musicais que toco e toquei adoito fixarme nos xeitos de tocar ( fills, técnica de pedal e empuñadura…) de grandes baterías de metal extremo e incluso algún de punk ou nu metal, coma Pete Sandoval, Daniel Presland, Aquiles Prieste, Chris Reifert, Equimanthorn, Sean Reinert, Jan Lindh, Alfred Berengana, Dave Lombardo, Ken Owen…
-          ¿Como vedes o actual panorama galego de música extrema?
Dani: Na nosa cidade, Vigo, temos a sorte de contar coa maior canteira de Galiza e una das maiores do Estado debido á cantidade de grupos en activo que temos. Porén, atopámonos nunha situación na que o apoio a escea vai decrecendo. A pesar de que segue existindo unha clientela de concertos fiel, ésta faise escasa. Á inexistente axuda das administracións, temos que sumarlle o peche de moitas salas de concertos nos últimos anos, o que fai moito máis valeroso o enorme apoio que segue habendo dende certos locais, coma o Pub Transylvania ou o Pub Frenopatiko, centradas en promover música de bandas de distintas vertentes do metal.
O noso estilo en Galiza sempre foi e será minoritario no que se refire á cantidade de grupos e fans, pero ás persoas e os grupos que asisten a este tipo de espectáculos dan un apoio moi forte cada un, asistindo regularmente a concertos, publicitando e participando en bandas. A pesar das dificultades para subsistir que isto implica, á vez xérase un ambiente e unha relación entre os grupos moi sano que é difícil de atopar nas esceas de outro tipo de estilos musicais.
·         Jacobo: A min a miúdo dame a impresión de que moitas bandas non tentan facer cousas novas e se acollen a clichés e ás míticas referencias de sempre para configurar o seu son. Logo ó final o resultado será o que sexa, pero penso que polo menos hai que tentar facer cousas diferentes, e iso acábase notando. Quedarse en terreo explorado, sen embargo, acaba aburrindo. Tamén é certo que hai estilos e direccións con máis proxección e espazo para a innovación que outros, por exemplo penso que hai demasiados grupos actuais que emulan tal cual o son do thrash clásico, pero xa é cousa de cada grupo ver por onde pode explorar. Non digo que Dioivo sexa nada rompedor, ó contrario, parte de estilos xa asentados. Simplemente toma diferentes influencias e aproveita diferentes situacións e direccións ca mellor intención de innovar, e a partir de ahí obtense o resultado que sexa. De feito, penso que iso é o que fixeron todos os grupos innovadores, o resto xa é serendipia. Dito isto, hai moitisimas bandas cun sonido persoal e innovador na escena galega, e varias das máis míticas son unha influencia directa na miña composición, coma é o caso de Dantalion, Xerión ou Fallen Sentinel.
·         ¿Que plans de futuro ten a banda?
Dani: Gustaríanos mover a nosa música a todos lugar onde nos deixen para que a maior cantidade de xente poida coñecela. Estamos nunha fase moi prematura na vida do grupo así que polo de agora estamos centrados en preparar temas novos, en atopar concursos para presentarnos e, sobre todo, pechar contratacións e concertos, xa que considero que é o espazo que mellor nos senta e a principal vía para que máis xente poida escoitar a nosa música.
-          Foi un pracer falar con vos. Simplemente quero agradecer os collóns que hai que ter para defender a nosa lingua nunha profesión con tantos clichés e prexuízos como é ista e sobre todo por ser dous músicos en directo e con grandes ideas musicais. Se queredes engadir algo, adiante.
Dani: Queremos agradecervos por brindarnos un espazo para poder falar do noso traballo e da nosa música e vos animamos a que continuedes axudando á música local.
-          ¿ O voso EP ten formato físico? Se e así, ¿Como pode conseguirse?
Dani: Acabamos de sacar á luz o noso EP, polo que aínda non tivemos a posibilidade de distribuílo de forma física. É unha tarefa que temos pendente e esperamos arranxala canto antes para facilitar a escoita de Dioivo.
Jacobo: De feito xa temos preparado o libreto e a contraportada do disco, que se descarga como material extra co EP en bandcamp. Oxalá pronto podamos ter copias circulando por ahí!

No hay comentarios:

Publicar un comentario